Unha lingua construída, tamén chamada lingua planificada, lingua artificial ou conlang, é un idioma que foi total ou parcialmente construído, planeado ou deseñado conscientemente por seres humanos. As linguaxes de programación non son linguas artificiais porque non son idiomas. Tampouco se considera lingua artificial a evolución histórica, e xa que logo non planeada conscientemente, de calquera lingua natural. A rama da lingüística que estuda as linguas artificiais é a interlingüística.
As motivacións que impulsan o xurdimento destas linguas non naturais son basicamente dúas:
- Racionalizar a comunicación humana mediante linguas perfeccionadas en aspectos onde as linguas naturais son ambiguas, inzadas de excepcións, desacordes coa lóxica, irregulares etc. Tras este obxectivo están linguas artificiais como o lojban, estruturado sobre a lóxica de predicados. Dentro desta racionalización tamén se inscribe a procura de auxilinguas aptas para a comunicación internacional, como é o caso do esperanto, do Ido ou de interlingua. Algunhas veces tamén se persegue a neutralidade cultural das auxilinguas, que é o caso do mencionado lojban.
- Motivos estéticos, artísticos, ou lúdicos. Neste apartado inscríbense linguas como as desenvolvidas por J. R. R. Tolkien para as súas sagas de ficción literaria, como o Quenya ou o Sindarin.