Lourenzo de Medici (italiano: Lorenzo di Piero de' Medici), nado en Florencia o 1 de xaneiro de 1449 e finado en Careggi o 8 de abril de 1492, tamén coñecido como Lourenzo o Magnífico polos seus contemporáneos, foi un estadista italiano e gobernante de facto[1] da República de Florencia durante o Renacemento italiano. Príncipe de Florencia, mecenas das artes, diplomático, banqueiro, poeta e filósofo renacentista, pertencente á familia dos Medici e tamén bisavó de Catarina de Medici.
A súa vida coincidiu coa cúspide do Renacemento italiano temperán; a súa morte marca o final da Idade de Ouro de Florencia. A fráxil paz que axudou a manter entre os distintos estados italianos terminou coa súa morte. Os restos de Lourenzo de Medici repousan na Capela dos Medici na Basílica de San Lourenzo (Florencia).