Mente

A mente observa e interpreta a realidade.

A mente[1] é a construción psicolóxica que aglutina os actos de percepción, cognición ou emoción, é dicir, o conxunto das funcións psíquicas,[2] unha característica dos humanos, pero que tamén pode ser válida para outras formas de vida[3][4] e intelectuais.[5]

É a que dá consistencia ás impresións e pensamentos do suxeito, o que lle permite ter consciencia e personalidade diferenciada dos demais. O termo tamén se emprega como un posible sinónimo do que consideramos intelixencia.[2] Segundo o punto de vista adoptado, a mente pode ser un compoñente do cerebro ou unha entidade separada, pertencendo a outro plano explicativo. Existen tres vías principais de abordaxe:

  • A unidade de todo o corpo (a mente non é máis que o cerebro), como pensan os seguidores do materialismo.
  • Aqueles que defenden un dualismo estrito.
  • Os partidarios do emerxentismo, que cren que a mente pode xurdir do físico e está ligada indisolublemente pero que o transcende.

A mente é o obxecto fundamental de estudo da psicoloxía, aínda que como concepto e parte distintiva do individuo, afecta a outras disciplinas como a filosofía (no século XX xurdiu unha póla específica, a filosofía da mente, que se define como a póla que estuda a natureza dos fenómenos e procesos mentais, e a relación que estes teñen cos diversos comportamentos que atopamos no ser humano, a través das conexións que se poden estabelecer co sistema nervioso central.).[6] Para a relixión, é semellante á natureza da alma, é o que permite falar dun "eu" racional e único e asimílase ó principio vital. Antigamente recibía o nome de espírito. As teorías precientíficas baseadas na teoloxía concentrábanse na presunta relación entre a mente e a alma, a esencia sobrenatural, divina ou outorgada polos deuses ós homes.

Houbo moitas teorías sobre a mente e o seu funcionamento. As primeiras especulacións documentadas son de pensadores como Zoroastro, Buda, Platón, Aristóteles, Adi Shankara e outros antigos filósofos gregos, indios e, posteriormente, musulmáns. Malia que moitos destes filósofos a miúdo afirmaban a existencia dunha mente cósmica, común a todos os seres humanos ou a todo o universo, esta idea caeu en desuso ou foi adoptada para outros conceptos, así que modernamente entendemos a mente como algo sobre todo individual (aínda que influída polos outros).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mente.
  2. 2,0 2,1 "ment". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  3. Dictionary.com, "mind": "1. (in a human or other conscious being) the element, part, substance, or process that reasons, thinks, feels, wills, perceives, judges, etc.: the processes of the human mind. 2. Psychology. the totality of conscious and unconscious mental processes and activities. 3. intellect or understanding, as distinguished from the faculties of feeling and willing; intelligence." (en inglés)
  4. Google (ed.). "Google definition, "mind": "The element of a person that enables them to be aware of the world and their experiences, to think, and to feel; the faculty of consciousness.."" (en inglés). 
  5. Institut d'Estudis Catalans (ed.). "Definició: ment". Diccionari de la Llengua Catalana. Consultado o 16 de maio de 2013. 
  6. "Filosofia de la ment". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 

Mente

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne