Un mineral é un corpo producido por procesos de natureza inorgánica, xeralmente cunha composición química definida e, se se forma en condicións favorables (espazo, tempo e repouso axeitados), unha estrutura atómica definida pola súa cela unidade que se expresa na súa forma cristalina e outras propiedades físicas características. Adoita presentarse en estado sólido á temperatura media da Terra, aínda que algúns, como a auga e o mercurio, preséntanse en estado líquido. É diferente dunha rocha, que pode ser un agregado de minerais ou non minerais e que non ten unha composición química específica. A definición exacta dun mineral é obxecto de debate, especialmente con respecto á esixencia de ser abioxénico, e en menor medida, a si debe ter unha estrutura atómica ordenada. O estudo dos minerais chámase mineraloxía.
Hai máis de 5300 especies minerais coñecidas, delas máis de 5090 aprobadas pola Asociación Mineralóxica Internacional (IMA polas súas siglas en inglés). Continuamente descóbrense e describen novos minerais, entre 50 e 80 ao ano.[n. 1] A diversidade e abundancia de especies minerais é controlada pola química da terra. O silicio e o osíxeno constitúen aproximadamente o 75 % da cortiza terrestre, o que se traduce directamente no predominio dos minerais de silicato, que compoñen máis do 90% da cortiza terrestre. Os minerais distínguense por diversas propiedades químicas e físicas. Diferenzas na composición química e na estrutura cristalina distinguen varias especies, e estas propiedades, á súa vez, están influídas pola contorna xeolóxica da formación do mineral. Cambios na temperatura, a presión, ou na composición do núcleo dunha masa de rocha causan cambios nos seus minerais.
Os minerais poden ser descritos por varias propiedades físicas que se relacionan coa súa estrutura química e composición. As características máis comúns que os identifican son a estrutura cristalina e o hábito, a dureza, o lustre, a diafanidade, a cor, o raxado, a tenacidade, a exfoliación, a fractura, a partición e a densidade relativa. Outras probas máis específicas para a caracterización de certos minerais son o magnetismo, o sabor ou o cheiro, a radioactividade e a reacción aos ácidos fortes.
Os minerais clasifícanse polos seus compoñentes químicos clave sendo os dous sistemas dominantes a clasificación de Dana e a clasificación de Strunz. A clase de silicatos subdividese en seis subclases segundo o grao de polimerización na súa estrutura química. Todos os silicatos teñen unha unidade básica en forma de tetraedro de sílice [SiO
4]4−
, é dicir, un catión de silicio unido a catro anión de osíxenos. Estes tetraedros poden ser polimerizados para dar as subclases: neosilicatos (non polimerizados, e por tanto, só tetraedros), sorosilicatos (dous tetraedros enlazadados entre si), ciclosilicatos (aneis de tetraedros), inosilicatos (cadeas de tetraedros), filosilicatos (láminas de tetraedros), e tectosilicatos (redes en tres dimensións de tetraedros). Outros grupos minerais importantes son os elementos nativos, sulfuros, óxidos, haluros, carbonatos, sulfatos e fosfatos.
Erro no código da cita: As etiquetas <ref>
existen para un grupo chamado "n.", pero non se atopou a etiqueta <references group="n."/>
correspondente