Mir | |
---|---|
Tipo | estación espacial e laboratório espacial |
Data de fundación | 1986 |
Eventos/Actividades | lanzamento espacial, Deórbita da Mir e reentrada atmosférica |
País | Unión Soviética e Rusia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Mir (en ruso: Мир, significa paz ou mundo) foi o nome da famosa estación espacial orixinalmente soviética, que despois do colapso da URSS pasou a ser rusa. Mir foi a primeira estación espacial de investigación habitada de forma permanente da historia, e a culminación do programa espacial soviético. Estaba previsto que funcionase tan só 5 anos; pero finalmente estivo operativa durante 13 anos. Grazas a numerosas colaboracións internacionais, foi accesible a cosmonautas e astronautas.[1][2]
A Mir foi ensamblada en órbita ao conectar de forma sucesiva distintos módulos, cada un lanzado de forma separada dende o 19 de febreiro de 1986 ata o ano 1996. Estaba situada nunha órbita entre os 300 e 400 quilómetros da superficie terrestre, orbitando completamente a Terra en menos de dúas horas. Serviu como laboratorio de probas para numerosos experimentos científicos e observacións astronómicas, establecendo récords de permanencia de seres humanos no espazo. Tras un incendio en febreiro de 1997, a estación empezou a quedar vella e obsoleta, coa consecuente cadea de fallos que puxo en marcha a súa desorbitación e desintegración na atmosfera. Foi destruída de forma controlada o 23 de marzo de 2001, precipitándose sobre o océano Pacífico.[1][2]