Os monocitos son un tipo de leucocitos do sangue, que forman parte do sistema inmunitario dos vertebrados. As funcións inmunitarias dos monocitos inclúen: (1) repoñer os macrófagos residentes e células dendríticas nos seus niveis normais, e (2) en resposta aos sinais de inflamación, os monocitos poden moverse rapidamente (aproximadamente en 8-12 horas) cara aos sitios de infección nos tecidos e dividirse/diferenciarse en macrófagos e células dendríticas que efectuarán a resposta inmunitaria. Orixínanse na medula ósea e despois instálanse en diversos órganos como bazo, fígado, pulmóns, ganglios linfáticos, ósos, cavidades serosas etc. A metade dos monocitos corporais están almacenados no bazo.[1] Os monocitos identifícanse normalmente nos frotis tinguidos polos seus núcleos grandes (ocupan 2/3 da célula) cunha amosega central ou con forma de ril.