A motilina é unha hormona peptídica de 22 aminoácidos, que nos humanos está codificada polo xene MLN do cromosoma 6.[2]
A motilina é unha hormona secretada polas células M das criptas do intestino delgado, especialmente no duodeno e xexuno (que non hai que confundir coas células M das placas de Peyer).[3] Se a comparamos pola súa secuencia de aminoácidos, a motilina non está relacionada con outras hormonas. O seu nome de motilina débese á súa capacidade de estimular a actividade da musculatura gástrica. Ademais de nos seres humanos, os receptores da motilina atopáronse no tracto gastrointestinal dos porcos, ratas, vacas, e gatos, e no sistema nervioso central dos coellos.