Tipo | murallas da cidade monumento | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Lugo, España | |||
Localización | Lucus Augusti | |||
| ||||
Características | ||||
Patrimonio da Humanidade | ||||
Tipo | Patrimonio cultural → Europa-América do Norte | |||
Data | 2000 (24ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) | |||
Identificador | 987 | |||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | ||||
Tipo | Patrimonio cultural | |||
Data | 1993 (17ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iv) | |||
Identificador | 987 | |||
Ben de interese cultural | ||||
Data | 16 de abril de 1921 | |||
Identificador | RI-51-0000191 | |||
A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.[1]
O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 m[2] e a súa altura varía entre os 8[1] e os 12[Cómpre referencia] ou 10 m[1][3] sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. Sobre a muralla o camiño de ronda varía entre os 4, 5 e os 7 m de largo. Na parte exterior da muralla un foxo con forma de V podía encherse de auga en caso de perigo. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. O certo é que o paso do tempo fixo desaparecer a metade superior en case toda a súa extensión e, na parte que queda en pé, tamén houbo profundas transformacións.[4]
Inicialmente a muralla tiña cinco portas,[5] mais posteriormente abríronse outras cinco. Dende o século XVI xurdiron voces reclamando a reconstrución, e existen textos que falan de "torres con dous ou tres pisos, grosos vidros brancos nas fiestras das torres e mesmo vestixios de madeiros de cuberta e chemineas". Hoxe a torre da Mosqueira é a única mostra daquela descrición. O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e o embaixador chinés, Qui Xiaoqi.[6]