Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego da Real Academia Galega, quen ostenta a autoridade legal en materia de normativización. Ao seren estas normas as usadas e promovidas polas institucións oficiais, os medios de comunicación públicos e o ensino público, son consideradas de maneira amplamente maioritaria como a normativa oficial do galego. No entanto, este concepto de oficialidade ten xerado controversia, con sectores que defenden que non existe ningunha normativa oficial.[1]
O Estatuto de autonomía de Galicia dotou os poderes públicos galegos da competencia con respecto á lingua galega. O 17 de novembro de 1982 a Xunta de Galicia estableceu que existiría unha norma de uso oficial[Cómpre referencia] para o ensino e que excluiría das axudas económicas os textos non publicados na normativa oficial. Esta medida supuña a marxinalización da normativa reintegracionista do galego, usada polo sector partidario do reintegracionismo.
Coa publicación da Lei de normalización lingüística o 15 de xuño de 1983, estableceuse que o criterio de autoridade para a normativización do galego sería o da Real Academia Galega (RAG), relegando o Instituto da Lingua Galega (ILG), como referencia legal.[2]
A variedade estándar ou padrón, fixada a medias entre o ILG e a RAG, inicialmente constaba só de indicacións morfolóxicas e ortográficas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), publicadas en 1983 e aplicadas no dicionario da RAG de 1997 (unhas trinta mil palabras) e reformadas en 2003, pero coa publicación do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) en 2004 definíronse de facto tamén coma normas léxicas. Isto non implica que o que non apareza no VOLG non sexa normativo, posto que non é amplo dabondo para recoller todo o léxico galego.
As normas non foron publicadas nunca no Diario Oficial de Galicia; en 2007 unha proposición non de lei do BNG, defendida por Bieito Lobeira, para a súa publicación non foi aprobada pola Comisión de Xustiza do Parlamento de Galicia ao votar en contra o PPdeG e se abster o PSdeG.[3]