Orodruin

Orodruin, tamén coñecido como Monte do Destino, é un volcán ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien. Situado no corazón da terras negras de Mordor, é o lugar onde o Anel Único foi forxado polo Señor Escuro Sauron, e constitúe o punto final da misión emprendida por Frodo Bulseiro para destruír o Anel, recollida n'O Señor dos Aneis.

Orodruin significa "montaña ardente" en Sindarin. O equivalente Sindarin do nome Monte do Destino é Amon Amarth, literalmente "montaña do destino".

Cando na Segunda Idade Sauron comezou a súa procura dun lugar na Terra Media que lle servise de morada permanente, a súa atención recaeu inmediatamente sobre Mordor, e en concreto sobre Orodruin, pois considerou que podería tirar partido do seu poder. Xa que logo, estabeleceu o seu reino ao redor do volcán, e "usou o lume que alí manaba desde o corazón da terra para os seus meigallos e as súas forxas". A máis célebre das creacións forxadas por Sauron no Monte do Destino é o inmensamente poderoso "Anel Único", que elaborou nos lumes das Sammath Naur (ou Fendas do Destino), unha sima situada nas profundidades da montaña. Dise n' O Señor dos Aneis que os materiais que compuñan o Anel eran tan resistentes, e os encantamentos nel insuflados tan potentes, que só podía ser destruído nesas mesmas Fendas do Destino.

Dáse a entender que Orodruin é moito máis que un simple volcán: responde ás ordes de Sauron e á súa presenza, sumíndose nunha inactividade cando non se atopa en Mordor e volvendo á vida ao volver este. Semella que a súa actividade tamén estea conectada ao poder persoal de Sauron, pois cando este é derrotado á fin da Terceira Idade, o volcán entra nunha violenta erupción para despois cesar toda actividade de maneira permanente.


Orodruin

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne