Peter Henry Fonda, nado en Nova York (estado de Nova York) o 23 de febreiro de 1940 e finado nos Ánxeles o 16 de agosto de 2019, foi un actor, director, guionista, produtor e actor de dobraxe estadounidense. Era fillo de Henry Fonda, irmán máis novo de Jane Fonda e pai de Bridget e Justin Fonda, e foi parte da contracultura dos sesenta.[1][2]
Foi candidato ao Oscar ao mellor guión orixinal por Easy Rider (1969) e ao mellor actor por Ulee's Gold (1997), polo que tamén gañou o Globo de Ouro. Tamén gañou o Globo de Ouro como actor secundario en televisión por The Passion of Ayn Rand (1999).