Prolactina

Prolactina.

A prolactina (PRL) tamén chamada hormona luteotrópica (LTH) [1] é unha hormona proteica segregada na hipófise e noutras células extrahipofisarias, que nos humanos está codificada no xene PRL situado no cromosoma 6.[2]

Foi descuberta por Henry Friesen. Aínda que a prolactina é coñecida principalmente polo seu papel na lactación dos mamíferos, existe tamén en vertebrados tan antigos como os peixes, nos cales as súas principais misións están relacionadas co control do equilibrio de sales e auga no corpo.

A prolactina actúa tamén de modo similar a unha citocina e como un importante regulador do sistema inmunitario. A prolactina ten importantes funcións relacionadas co ciclo celular como factor de crecemento, diferenciación e antiapoptótico. Actuando como factor de crecemento que se une a receptores de citocinas ten tamén unha profunda influencia na hematopoese, anxioxénese e está implicado na regulación da coagulación sanguínea a través de varias vías. En conxunto, "informouse de máis de 300 accións distintas da PRL en varios vertebrados, como efectos no equilibrio de auga e sales, crecemento e desenvolvemento, endocrinoloxía e metabolismo, cerebro e comportamento, reprodución, e regulación inmune e protección".[3] A prolactina actúa de modo endócrino, parácrino e autócrino, a través do receptor da prolactina e un gran número de receptores de citocinas.[3]

A prolactina secrétase polas células lactotropas da adenohipófise ou pituitaria anterior (e por outras células extrahipofisarias). A secreción hipofisaria de prolactina está regulada por neuronas endócrinas do hipotálamo, as máis importantes das cales son as neuronas neurosecretoras do tuberoinfundíbulo (TIDA) do núcleo arqueado, que segregan dopamina que actúa sobre o receptor D2 das células lactotropas, causando a inhibición da secreción de prolactina. O factor ou hormona liberadora da tirotropina (TRH) ten un efecto estimulatorio sobre a liberación de prolactina.

O péptido intestinal vasoactivo (VIP) e o péptido histidina isoleucina axudan a regular a secreción de prolactina nos humanos, pero as funcións destas hormonas nas aves parecen ser bastante diferentes.[4]

A prolactina clasifícase ás veces como gonadotropina [5], aínda que nos humanos ten só un feble efecto luteotrópico, e o seu efecto de supresión das hormonas gonadotrópicas clásicas é máis importante.[6]

  1. UniProt Prolactin
  2. Evans AM, Petersen JW, Sekhon GS, DeMars R (1989). "Mapping of prolactin and tumor necrosis factor-beta genes on human chromosome 6p using lymphoblastoid cell deletion mutants". Somat. Cell Mol. Genet. 15 (3): 203–13. PMID 2567059. doi:10.1007/BF01534871. 
  3. 3,0 3,1 Bole-Feysot, C.; Goffin, V.; Edery, M.; Binart, N.; Kelly, P. A. (1998). "Prolactin (PRL) and its receptor: Actions, signal transduction pathways and phenotypes observed in PRL receptor knockout mice". Endocrine reviews 19 (3): 225–268. doi:10.1210/er.19.3.225. PMID 9626554.
  4. Kulick R, Chaiseha Y, Kang S, Rozenboim I, El Halawani M (2005). "The relative importance of vasoactive intestinal peptide and peptide histidine isoleucine as physiological regulators of prolactin in the domestic turkey". Gen Comp Endocrinol 142 (3): 267–73. PMID 15935152. doi:10.1016/j.ygcen.2004.12.024. 
  5. Marieb, E.N. and Hoehn, K. (2006). Human Physiology & Anatomy. 7th ed. London: Benjamin Cummings. p605
  6. MESH entry on Gonadotropins

Prolactina

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne