O complexo protrombinase é un complexo proteico que consta do factor Xa (unha serina protease) e o factor Va (un cofactor proteico), que intervén na coagulación do sangue. O complexo ensámblase en membranas con fosfolípidos cargados negativamente en presenza de ións calcio. O complexo protrombinase cataliza a conversión da protrombina (factor II), un cimóxeno inactivo, a trombina (factor IIa), unha serina protease activa. A activación da trombina é unha reacción crítica na fervenza de coagulación do sangue, que funciona regulando a hemostase no corpo. Para producir trombina, o complexo protrombinase cliva dous enlaces peptídicos na protrombina, un situado despois da Arg271 e outro despois da Arg320.[1] Aínda que o factor Xa pode activar a protrombina sen estar asociado ao complexo protrombinase, a taxa de formación de trombina é varias veces inferior nesas circunstancias. O complexo protrombinase pode catalizar a activación da protrombina a unha velocidade que é 3 x 105 veces máis rápida que co factor Xa só.[2] Así, cómpre a formación do complexo protrombinase para unha eficaz produción de trombina activada e tamén para unha correcta hemostase.