PubMed Central

PubMed Central (PMC) é un repositorio dixital de uso libre no que se arquivan artigos eruditos completos de acceso público que foron publicados en revistas científicas das ciencias da vida e biomédicas. É unha das maiores bases de datos de investigación dentro do conxunto de recursos que foron desenvolvidos polo National Center for Biotechnology Information (NCBI) dos Estados Unidos, pero é moito máis que un simple repositorio de documentos. Os documentos incluídos en PMC sofren un procedemento de indexación e formateo que ten como resultado o melloramento de metadatos, ontoloxía médica, e identificadores únicos que enriquecen os datos estruturados XML para cada artigo ou depósito.[1] Os contidos de PMC poden ser facilmente interligados a moitas outras bases de datos do NCBI e pode accederse a eles a través de buscas en Entrez e en sistemas de recuperación, mellorando aínda máis a capacidade do público para descubrir gratuitamente, ler e basearse neste conxunto de documentos sobre o coñecemento biomédico.[2]

PubMed Central non debe de confundirse con PubMed. Trátase de dous servizos moi diferentes.[3] Aínda que PubMed é unha base de datos na que se poden buscar citas biomédicas e resumos, os artigos co texto completo referenciados no rexistro de PubMed encóntranse almacenados fisicamente noutro lugar (ás veces son artigos impresos ou en liña, algunhas veces gratuítos e outras accesibles pagando algún tipo de subscrición). PubMed Central é un arquivo dixital gratuíto de artigos, accesible a calquera desde calquera lugar por medio dun buscador web básico. O texto completo de todos os artigos de PubMed Central pode lerse gratuitamente, con diversas disposicións para a reutilización.

En febreiro de 2014, o arquivo PMC contiña uns 2,9 millóns de artigos, con contribucións que proceden directamente das editoriais ou autores que depositan os seus propios orixinais no repositorio segundo a Política de Acceso Público dos NIH. Só no período de doce meses desde xuño de 2013 a xuño de 2014 os depósitos iniciados por autores excedían os 103.000 documentos.[4] PMC tamén identifica unhas 4.000 revistas que agora participan en maior ou menor grao nesta capacidade de depositar automaticamente os seus contidos publicados no repositorio de PMC.[5] Algunhas editoriais participantes atrasan a liberación dos seus artigos en PubMed Central durante un tempo establecido despois da súa publicación, o que se adoita denominar “período de embargo”, que pode ser desde uns poucos meses a algúns anos dependendo da revista (os "embargos" de seis a doce meses son os máis comúns).

  1. Beck, Jeff. Report from the Field: PubMed Central, an XML-based Archive of Life Sciences Journal Articles.
  2. NCBI Handbook: PubMed Central. Chris Maloney, Ed Sequeira, Christopher Kelly, Rebecca Orris, and Jeffrey Beck Dec 2013
  3. MEDLINE, PubMed, and PMC (PubMed Central): How are they different?
  4. NIH Manuscript Submission Statistics
  5. PubMedCentral

PubMed Central

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne