As quinonas son un tipo de composto orgánico que formalmente "deriva de compostos aromáticos [como o benceno ou naftaleno] por conversión dun número impar de grupos –CH= en grupos –C(=O)– con todos os rearranxos necesarios dos dobres enlaces", orixinando "unha estrutura diona cíclica completamente conxugada".[1] Esta clase de compostos inclúe algúns compostos heterociclicos.
O membro arquetípico da clase é a 1,4-benzoquinona ou ciclohexadienodiona, a miúdo chamada simplemente "quinona" (igual que o nome de toda a clase). Outros exemplos importantes son a 1,2-benzoquinona (orto-quinona), a 1,4-naftoquinona e a 9,10-antraquinona.