Retrovirus

Retrovirus

ciclo do retrovirus VIH
Clasificación científica
Grupo: VI (Virus ARN monocatenario retrotranscrito)
Familia: Retroviridae
Xéneros

Subfamilia: Orthoretrovirinae

Alpharetrovirus
Betaretrovirus
Gammaretrovirus
Deltaretrovirus
Epsilonretrovirus
Lentivirus

Subfamilia: Spumaretrovirinae

Spumavirus

Un retrovirus é un virus de ARN que se replica nunha célula hóspede facendo unha copia en ADN do seu xenoma. Os máis típicos pertencen á familia Retroviridae. Entre eles está o VIH causante da SIDA. O virus usa primeiramente o seu encima característico, a reversotranscriptase para producir ADN a partir do seu xenoma de ARN, o que é o inverso do procedemento normal (transcrición: ADN→ARN). Este novo ADN de orixe viral é despois incorporado ao xenoma da célula hóspede pola acción dun encima integrase. A célula despois trata ao ADN proviral incorporado como parte do seu propio xenoma, e segue as súas instrucións fielmente, fabricando as proteínas víricas codificadas nos xenes virais necesarias para a ensamblaxe e formación de novas copias do virus. Os retrovirus son virus con envoltura membranosa, que toman da célula infectada.

Unha variedade especial dos retrovirus son os retrovirus endóxenos (ERV) que están integrados no xenoma do hóspede e se herdan dunha xeración a outra.

Hai algúns virus con reversotranscrición que son virus de ADN e non pertencen á familia Retroviridae ou relacionadas (ver grupo VII en "Clasificación" máis abaixo).

O retrovirus almacena o seu material xenético en forma de ARNm (que ten os extremos modificados 5' cap e 3'poliA) dentro do virión, e este serve como medio para liberar o xenoma vírico dentro da célula, e iniciar a infección. Unha vez que está na célula hóspede, o ARN sofre a reversotranscrición no citoplasma e despois integra o seu ADN no xenoma celular. Cando está integrado recibe o nome de provirus.

O ADN proviral do retrovirus pode permanecer integrado moito tempo e non é detectado polo sistema inmunitario. Porén, o provirus nun determinado momento transcribe o seu ADN a ARN para expresar os xenes do virus e producir novas copias do virus. Por tanto, a información contida nun xene retroviral flúe na secuencia: ARN → ADN → ARN → proteína.

Os retrovirus son valiosas ferramentas de investigación en bioloxía molecular e foron utilizados con éxito en sistemas de transferencia de xenes.[1]

  1. Kurth, R; Bannert, N (editors) (2010). Retroviruses: Molecular Biology, Genomics and Pathogenesis. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-55-4. 

Retrovirus

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne