Sincitio

Sincitio
Micrografía dun corte transversal de músculo estriado esquelético. Na periferia de cada célula sincitial obsérvanse varios núcleos.
Latín Syncytium

En bioloxía, un sincitio[1] ou sincicio[2] (ambos os dous do grego σύν (syn) = «xunto» + κύτος (kytos) = «caixa», referido aquí a «célula»), tamén chamado cenocito[3][4][5] (do grego κοινός koinós 'común' + κύτος kytos 'caixa'), é unha célula que contén moitos núcleos orixinada por fusión de células uninucleadas ou por moitas divisións celulares incompletas de células.[6] A maioría das células nos organismos eucariotas de plantas e animais teñen un só núcleo,[7] polo que os sincitios son formas especiais. Porén, nalgúns organismos non só son estruturas habituais senón que, mesmo constitúen o estado máis predominante do seu ciclo de vida (en certos nematodos ou en mixomicetos, entre outros).

Xeralmente, emprégase o termo sincitio para referirse á célula multinucleada orixinada por fusión de células individuais (no caso do músculo estriado de mamíferos) ou por división celular incompleta (en insectos, por exemplo).[8] Cómpre diferenciar o sincitio do plasmodio, que é outro tipo de célula multinucleada que se orixina a partir dunha mixameba xa diferenciada ou ben pola fusión dos gametos móbiles dos Myxomycota.[9]

O termo cenocito úsase fundamentalmente en botánica, para especies con parede celular, e desde que se crearon os termos sincitio e cenocito foron utilizados con ambigüidade, unhas veces como sinónimos e outras distinguíndoos. O cenocito orixinaríase a partir de células con parede resultantes de moitas divisións celulares sen citocinese.[10]

A función do sincitio é variada e depende do organismo avaliado, aínda que en xeral pode afirmarse que funciona como unha soa unidade coordinada composta de varias celas vinculadas estrutural e funcionalmente, que permiten o intercambio de moléculas e impulsos eléctricos. Cando as células do sincitio están individualizadas, pero están conectadas por unións comunicantes e funcionan en conxunto xerando un potencial eléctrico sincronizado, o sincitio dise que é un sincitio funcional, como o do músculo cardíaco. Pero cando hai unha verdadeira fusión de células, que teñen unha soa membrana plasmática e varios núcleos, dise que é un sincitio anatómico, como o do músculo esquelético.

Os sincitios, ademais de seren o resultado do plan de desenvolvemento normal dun organismo, poden ser a consecuencia de procesos infecciosos ocasionados por virus e outros patóxenos.

A actividade da larva xuvenil de segundo estadio de nematodos parasitos como Heterodera ou Globodera no sitio definitivo de alimentación dentro do hóspede produce o engrosamento da parede celular, a densificación do citoplasma e a fusión de tres a dez células arredor da cabeza do parasito. O sincitio orixinado así presenta unha alta actividade metabólica, fundamental para alimentar ao individuo inmaturo. O hóspede, pola súa parte, ve limitada a funcionalidade das raíces porque o sincitio interrompe os vasos cribosos e leñosos. O efecto é a redución do crecemento e o rendemento da planta, adiantando a senectude.[11]

  1. Definición de sincitio no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. García Peralta, Faustino (1973). Minerva Books, ed. Fundamentos de biología (Libro dixitalizado). Dixitalizado o 28 de marzo de 2008 a partir do orixinal na Universidade de Texas (10ª, reimpresa ed.). p. 72. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  3. Definición de cenocito no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  4. González, A.M. & Arbo, M.M. Universidad Nacional del Nordeste, ed. "Glosario". Morfología de Plantas Vasculares. Arxentina. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2013. Consultado o 28 de deceembro de 2013. 
  5. O termo aplícase a especies con parede celular. Complutense Oxford (1999). Editorial Complutense, ed. Diccionario de biología - Diccionarios Oxford-Complutense (Libro dixitalizado) (ilustrada ed.). GoogleBooks. p. 117. ISBN 9788489784543. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  6. Watson, James (2008). "18 - Regulación génica durante el desarrollo". Biología molecular del gen (5ª ed.). España: Ed. Médica Panamericana. p. 631. ISBN 978-84-7903-505-1. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  7. Muñoz Martínez, E. J.; García, X. (1998). "8 Citoesqueleto". En Fondo de Cultura Económica. Fisiología. Células, órganos y sistemas (Libro dixitalizado). GoogleBooks. p. 78. ISBN 9789681654467. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  8. Wolpert, Lewis (2010). "2: Ciclo vital y desarrollo general de Drosophila". En Ed. Médica Panamericana. Principios Del Desarrollo / Development Principles (Libro dixitalizado) (3ª ed.). España. pp. 33–84. ISBN 978-84-9835-206-1. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  9. López-Sánchez, M.E.; Honrubia, M.; Gracia, E.; Gea, F.J. (1986). Revisión bibliográfica sobre la biología de los mixomicetos. Murcia: Secretariado de Publicaciones de la Universidad de Murcia. pp. 39 e 94. ISBN 9788476840368. Consultado o 30 de decembro de 2014. 
  10. Daubenmire, R. F. (1936). "The Use of the Terms Coenocyte and Syncytium in Biology". (Ver o segundo artigo). Science 84 (2189): 533–534. doi:10.1126/science.84.2189.533. PMID 17806554.
  11. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Zumel

Sincitio

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne