O sitio activo ou centro activo dun encima é a parte do encima onde entra o substrato e ten lugar a reacción química que o transforma en produto.[1] O centro activo dun encima adoita encontrarse nunha fenda ou bolsa formada na superficie do encima, que está revestida por determinados aminoácidos que participan no recoñecemento e colocación adecuada do substrato e interaccionan con el para facilitar a reacción catalizada polo encima (estes aminoácidos reactivos denomínanse aminoácidos catalíticos). Outros catalizadores con actividade encimática non son proteínas senón ribozimas de ARN, nos cales o sitio activo está formado por nucleótidos. A especificidade dun encima por un determinado substrato depende fundamentalmente da forma e tipo de aminoácidos do seu centro activo.[2]
No centro activo é onde se sitúan os cofactores e grupos prostéticos cando estes interveñen na reacción. Algúns inhibidores encimáticos (pero non todos) tamén interaccionan co centro activo.