A sociedade é o conxunto de individuos que comparten fins, condutas e cultura, e que se relacionan interactuando entre si, cooperativamente, para constituír un grupo ou unha comunidade. Existen sociedades animais como as sociedades de formigas ou as de primates cuxo estudo realízao a sociobioloxía ou a etoloxía social. As sociedades de humanos son estudadas polas chamadas disciplinas sociais, principalmente a socioloxía e outras como a antropoloxía e a economía. Modernamente, existe un interese da física, desde a perspectiva de sistemas complexos, polo estudo de fenómenos sociais; este esforzo deu lugar a disciplinas como a sociofísica e a econofísica. Nun sentido aínda máis amplo, fálase de sociedade virtual referida ós fenómenos que se xeran e observan en grupos baixo interacción no ciberespazo, sociedades artificiais como a de ordenadores interconectados ou sociedades de robots, de autómatas, de criaturas dixitais etcétera.