O Tempo Universal Coordenado, ou UTC, tamén coñecido como tempo civil, é o fuso horario de referencia a partir do cal se calculan todas as outras zonas horarias do planeta Terra. É o sucesor do Tempo Medio de Greenwich (Greenwich Mean Time), abreviadamente GMT. Acuñouse esta nova denominación para eliminar a inclusión dunha localización específica nun patrón internacional, así como para basear a medida do tempo nos patróns atómicos, máis do que nos celestes.
Ao contrario do GMT, o UTC non se define polo Sol ou as estrelas, senón que se mide polos reloxos atómicos. Debido ao feito de que a rotación da Terra se atrasa relativamente ao tempo atómico, o UTC sincronízase co día e a noite de UT1, ao que se suma ou subtrae segundos de salto tanto a finais de xullo como de decembro, cando é necesario. A entrada en circulación dos segundos de salto é determinada polo Servizo Internacional de Rotación da Terra, con base nas súas medicións da rotación da Terra.
"UTC" é unha abreviatura particular: é unha variante do tempo universal, (universal time, abreviadamente UT) e o modificador C (por "coordenado"), foi incluído para destacar que é unha variante de UT.
Os tempos UTC de verdadeira alta precisión só se poden determinar unha vez coñecido o tempo atómico, que se establece mediante a reconciliación das diferenzas observadas entre un conxunto de reloxos atómicos mantidos por un determinado número de oficinas do tempo nacionais. Isto só é feito baixo coordinación da Oficina Internacional de pesos e medidas (Bureau international des poids et mesures - BIPM ). Non obstante, os reloxos atómicos son tan exactos que só os máis precisos computadores necesitan usar estas correccións; e a maioría dos utilizadores de servizos de tempo utilizan os reloxos atómicos que teñan sido previamente configurados como UTC, para estimar a hora UTC.
Debido aos segundos de salto, é imposible determinar que representación virá a ter unha data futura, pois o número de segundos de salto que se ten que incluír na data é aínda descoñecido.
UTC é o sistema de tempo utilizado por moitos estándares de Internet e da World Wide Web. En particular, deseñouse o Network Time Protocol como unha forma de distribuír o tempo UTC en Internet. Algunhas emisoras internacionais de radio e televisión, como a BBC World Service, utilizan a UTC nas súas emisións, así como os radioafeccionados DX e na aviación.