Thabo Mvuyelwa Mbeki, nado o 18 de xuño de 1942 en Idutywa, é un político surafricano, presidente de Suráfrica dende o 16 de xuño de 1999 ata 2008.
É un xosa orixinario da rexión de Transkei, na actual provincia de Cabo Oriental, fillo de Epitanette e Govan Mbeki, ambos profesores, e activistas do Congreso Nacional Africano, e Govan dirixente do Congreso Nacional Africano e o Partido Comunista de Suráfrica.
Mbeki ten un mestrado en Economía da Universidade de Sussex. Durante a época do apartheid foi feito prisioneiro e tivo que pasar varios anos no exilio no Reino Unido, regresando ao seu país logo da liberación de Nelson Mandela.
Mbeki é membro do CNA desde os 14 anos, sendo o seu representante no estranxeiro desde 1967. Foi designado xefe da oficina de información do CNA en 1984 e da súa oficina de asuntos internacionais en 1989. Foi elixido deputado de Suráfrica en maio de 1994 ao celebrarse as primeiras eleccións con sufraxio universal. Foi elixido sucesor de Nelson Mandela como presidente do CNA en decembro de 1997 e como Presidente da república tras as eleccións de 1999 (asumindo o cargo o 16 de xuño); foi reelecto para un segundo período en abril de 2004.
Mbeki liderou a creación do programa económico NEPAD e da Unión Africana e tivo grande influencia nas negociacións de paz en Ruanda, Burundi e a República Democrática do Congo. Foi unha dos abandeirados na difusión do concepto do Renacemento Africano.
Durante as negociacións posteriores á liberación de Nelson Mandela, que finalmente conduciron en 1994 ás primeiras eleccións con sufraxio universal en Suráfrica, Mbeki foi a persoa encargada da parte económica destas negociacións. Mais as concesións realizadas durante estas negociacións económicas, conduciron á imposibilidade de poñer en práctica as promesas realizadas polo Congreso Nacional Africano de redistribución da riqueza, quedando a maior parte da riqueza do país en mans dos seus antigos propietarios, os brancos que durante anos amasaron estas riquezas grazas ao apartheid.
En setembro de 2008 coaccionou o líder da liberación da veciña Zimbabue Morgan Tsvangirai do MDC (Movement for Democratic Change) para aceptar un acordo de unidade nacional co presidente Robert Mugabe, considerado polos seus opositores un ditador e responsable de incontables crimes contra a humanidade.