A transferencia horizontal de xenes, tamén chamada transferencia lateral de xenes ou transferencia xenética horizontal (abreviada THX ou HGT polas súas siglas en inglés) é unha transferencia de xenes entre organismos dun modo distinto á reprodución tradicional, que pode darse entre individuos da mesma especie ou de especies distintas. O seu nome de transferencia horizontal ou lateral de xenes contraponse a transferencia vertical, que é a transmisión de xenes desde a xeración parental á descendencia por medio da reprodución sexual ou asexual. A transferencia horizontal de xenes foi un importante factor na evolución de moitos organismos, desde bacterias a eucariotas superiores.
A transferencia horizontal de xenes é a razón principal de que se produza a resistencia a antibióticos bacteriana,[1][2][3][4] e xoga un importante papel na activación de bacterias que poden degradar novos compostos como os pesticidas fabricados polo ser humano[5] e na evolución, mantemento e transmisión da virulencia nos microorganismos.[6] Esta transferencia horizontal de xenes con frecuencia implica a bacteriófagos temperados e plásmidos.[7] Os xenes que son responsables da resistencia a antibióticos nunha especie de bacterias poden transferirse a outras especies bacterianas por medio de varios mecanismos (por exemplo, por medio de pilus F), o que dotará de xenes de resistencia a antibióticos ao receptor, o cal é unha ameaza médica coa que hai que tratar. Esta é a principal razón pola que os antibióticos non deben ser consumidos e administrados aos pacientes sen unha axeitada prescrición por parte dun médico.[8]
A maioría dos estudos en xenética enfocáronse á transferencia vertical, pero hai unha consciencia crecente de que a transferencia horizontal de xenes é un fenómeno moi significativo e quizais é, entre os organismos unicelulares, a forma dominante de transferencia xenética.[9][10]
A transferencia horizontal de xenes artificial é un tipo de técnica en enxeñaría xenética.
↑Keen, E. C. (2012). "Paradigms of pathogenesis: Targeting the mobile genetic elements of disease". Frontiers in Cellular and Infection Microbiology 2. doi:10.3389/fcimb.2012.00161 [1].