Denomínase transporte activo a un tipo de transporte de membrana consistente no movemento dunha substancia atravesando unha membrana en contra do seu gradiente de concentración (dunha zona con concentración baixa a outra con concentración alta) utilizando un transportador que para funcionar ten que gastar enerxía. As partículas móvense por difusión desde as áreas en que están en maior concentración ás que están en menor concentración [1], e cando se quere transportalas en sentido contrario necesítase un gasto de enerxía que venza o gradiente contrario, como ocorre no transporte activo. En todas as células, o transporte activo utilízase xeralmente para acumular altas concentracións de determinadas substancias que a célula necesita, como glicosa, aminoácidos e ións. Se o proceso consome enerxía química en forma xeralmente de ATP o transporte activo denomínase primario. Cando funciona aproveitando un grandiente electroquímico, denomínase transporte activo secundario. O transporte activo diferénciase do transporte pasivo neste gasto de enerxía. Exemplos de transporte activo son a captación de glicosa no intestino humano, a actuación da bomba de Na-K, que expulsa Na+ da célula e introduce K+, ou a captación de ións minerais polas células dos pelos absorbentes das raíces das plantas, os cales están en moi baixa concentración no solo.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Alberts