No transporte ferroviario, un tren ( pronunciación (axuda · info)) consta dun ou varios vehículos (vagóns), ligados entre si e capaces de se mover sobre unha liña ferroviaria, para transportar persoas ou carga, segundo unha ruta previamente planeada. A liña normalmente está constituída polos convencionais carrís dobres, por monorraíl, ou incluso por levitación magnética. O tren pode ser puxado por unha locomotora ou por unha unidade autoalimentada.
O tren, puxado pola máquina a vapor tivo unha importancia enorme nos últimos douscentos anos. Foi sen dúbida o elemento máis importante da Revolución Industrial, permitindo o transporte das materias primas para as fábricas rápida e eficazmente e levando os produtos acabados a persoas e rexións distantes. Foi importantísima a súa contribución nas Primeira e Segunda Guerras Mundiais, levando rapidamente homes e armas onde estes máis falla facían.
Os trens enlazaron poboacións, rexións, países e continentes que ata entón estaban completamente illados ou onde podería demorar semanas ou meses para ter unha simple comunicación entre si; na agricultura, os produtos que corrían o risco de ficar nas rexións onde se producían, puideron comezar a ser despachados a grandes distancias, habendo moito menor risco da súa degradación, fomentando así o aumento das producións.
Arredor das estacións ferroviarias, naceron e creceron vilas e cidades; a construción das liñas ferroviarias empregou moitos millares de persoas, de cidades, rexións e ata de países diferentes, contribuíndo así a aproximar diferentes pobos e culturas.
A palabra tren procede do francés antigo trahiner, derivado do latín trahere, que significa "tirar".[1]