Urina

Mostra de ouriños humanos.

Nos mamíferos, a urina ou ouriños, popularmente coñecida como mexa ou mexo,[1] é un fluído excretorio, resultante da filtración do sangue nos riles. Nas aves e nos réptiles é unha excreción sólida ou semi-sólida. Fórmase na filtración, a cal é feita nas nefronas. As nefronas conteñen un tubo, chamado túbulo, que está rodeado de vasos sanguíneos, que absorben os nutrientes que o organismo precisa, para despois ir para os uréteres e de aí para a vexiga onde é almacenado e pasado para a uretra para finalmente ser expelida.

A urina humana, así como a urina doutros animais, está composta principalmente de auga (96%, de media), mais contén tamén urea, ácido úrico, sal e outras substancias, sendo expelida durante o acto de ouriñar. O volume, a acidez e a concentración de sales na urina son regulados por hormonas, entre as cales figuran a hormona antidiurética e a aldosterona. Estas hormonas actúan nos riles para garantir que a auga, os sales e o equilibrio ácido-base (acidez ou alcalinidade do sangue e do fluído intersticial) do organismo se manteñan dentro de estreitos límites. A presenza na urina de azucre, albumina, pigmentos biliares ou cantidades anormais dalgunhas substancias, incluíndo as constituíntes habituais, é indicador de doenzas. A urina é normalmente estéril cando é expelida e ten só un vago cheiro. O cheiro desagradábel da urina deteriorada débese á acción de bacterias que provocan a liberación de amoníaco.

Un adulto saudábel de dieta común pode producir entre 1000 e 2000 ml de urina por día.[2] O volume mínimo de urina necesario para retirar do organismo todos os produtos residuais é de cerca de 0,5 l nun home de 70 kg; todo o volume producido por riba deste consiste nun exceso de auga. Unha grande inxestión de líquidos aumenta a cantidade de urina producida; unha grande perda de líquido a través da transpiración, vómitos ou diarrea conduce á diminución de volume. O volume de urina eliminado durante o día é o dobre do producido pola noite, nos humanos saudábeis. En desordes patolóxicas esta constante pode ser alterada pasando o individuo a eliminar igual volume en dous períodos ou máis durante a noite (nicturia).[2]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para urina.
  2. 2,0 2,1 MILLER, Otto. GONÇALVES. R. Reis. Laboratório para o Clínico. 8. ed. São Paulo: Atheneu, 1999. ISBN 85-7379-038-5

Urina

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne