A xema[1] é a porción central do ovo nos vertebrados ovíparos. Nas aves é de cor amarela. Atópase arrodeada pola clara de ovo e suspendida por un conxunto de cadenas proteicas denominado calaza. Atópase separada da clara pola membrana vitelina.
Antes da fecundación, a xema é un único óvulo, unha das poucas células que poden verse a simple vista. Está composta polo disco xerminal e o vitelo. O disco xerminal está constituído polo núcleo celular antes de ser fecundado e é onde comeza a se desenvolver o embrión se se produciu a fecundación. Orixinalmente atópase moi reducido e en posición excéntrica.
O vitelo é unha reserva de nutrientes do citoplasma do óvulo orixinario. As xemas son unha fonte importante de vitaminas e sales minerais. A xema dun ovo de galiña contén case toda a graxa e o colesterol dos ovos e máis da metade das proteínas.[2]
Se as xemas fican intactas nun ovo fritido, forman o característico aspecto (en inglés, sunny-side up) deste prato. Cando se mesturan as xemas coas claras forman as tortillas e outras preparacións culinarias.
Os ovos de galiña (Gallus domesticus), son os ovos máis amplamente difundidos na gastronomía. O aceite de ovo é un produto derivado da xema de ovo, composto principalmente por triglicéridos con restos de lecitina e xeralmente libre das proteínas do ovo, polo que pode ser usado por persoas alérxicas ao ovo para aplicacións tópicas, como o coidado dos cabelos ou da pel.