As xiberelinas son hormonas de plantas que regulan o crecemento e inflúen en varios procesos do desenvolvemento da planta, como o crecemento do talo, xerminación, dormencia, floración, expresión do sexo, indución encimática, e a senescencia de follas e froitos.[1]
As xiberelinas foron recoñecidas por primeira vez en 1926 polo científico xaponés Eiichi Kurosawa, cando estaba estudando unha enfermidade da planta do arroz.[1][2] Foi illada por primeira vez en 1935 por Teijiro Yabuta e Sumuki, a partir de cepas do fungo Gibberella fujikuroi proporcionadas por Kurosawa.[1] Yabuta foi o que lle deu ao produto illado o nome de xiberelina (a partir do nome do fungo).[1]
O interese polas xiberelinas fóra do Xapón empezou despois da segunda guerra mundial. Nos Estados Unidos, a primeira investigación levouna a cabo unha unidade de Camp Detrick en Maryland (centro onde se investigaba en patóxenos de plantas e no programa de armas biolóxicas), estudando as plántulas de Vicia faba (faballón).[1] O interese polas xiberelinas espallouse polo mundo rapidamente cando se fixo evidente a súa potencial aplicación a varias plantas comerciais importantes. Un exemplo son as investigacións da décda de 1960 en California e a súa aplicación sobre as uvas Sultana.[3] Un antagonista coñecido das xiberelinas é o paclobutrazol (PBZ).