Zoroastrismo

Faravahar (ou Ferohar), un dos principais símbolos do zoroastrismo, suponse que é a representación dun Fravashi (espírito gardián).

O zoroastrismo é unha relixión e unha filosofía baseada nas ensinanzas do profeta Zoroastro (tamén coñecido coma Zaratustra, na lingua avéstica) e antigamente atopábase entre as maiores relixións do mundo.[1] Foi fundada probablemente pouco antes do século VI a.C. en Persia (Irán).[2] O termo Zoroastrismo úsase coma sinónimo de Mazdeísmo (a adoración de Ahura Mazda, exaltado por Zoroastro coma a suprema divindade).

A estimación do número de zoroastrianos en todo o mundo varía desde 145.000 a 2,6 millóns de persoas.[3][4]

O zoroastrismo substituíu o politeísmo indoeuropeo por un culto monoteísta, fundamentado na sabedoría moral: a entidade creadora suprema (Ahura Mazda ou Ormazd) procrea o espírito do ben ou principio da verdade (Spenta Mainyu) e o espírito do mal ou principio da mentira (Angra Mainyu ou Ahriman). Os dous teñen os seus correspondentes seguidores, a miúdo divindades anteriores lixeiramente transformadas. Loitan eternamente polo dominio do mundo e sobre todo para convencer o ser humano, o único con liberdade para elixir, para que siga un camiño ou o outro. Este combate acabarase a finais dos tempos co triunfo do ben e unha purificación xeral polo lume.

O zoroastrismo mantivo restos da antiga relixión iraniana, por exemplo o papel central do lume[5] e a luz. Posteriormente, vaise converter nunha relixión ritualista, en que se engadiron elementos xudaicos e budistas, e a súa esencia monoteísta foise diluíndo até converterse nunha concepción case absolutamente dualista.

O Avesta é o conxunto de libros sacros desta relixión,[6] aínda que só se conserva unha parte moi fragmentaria.

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2010. Consultado o 10 de xaneiro de 2011.  Arquivado 12 de decembro de 2010 en Wayback Machine.
  2. Lockard, Craig A. (2007). "Societies, Networks, and Transitions: A Global History: To 1500" (en inglés). Cengage Learning. p. 150. ISBN 0618386122. 
  3. adherents.com (ed.). "Principals religions mundials ordenades pel nombre de practicants" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2008. Consultado o 15 de maio de 2013.  Arquivado 29 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine.
  4. Goodstein, Laurie (6 de setembro de 2006). "Zoroastrians Keep the Faith, and Keep Dwindling - NYTimes.com". The New York Times (Nova York: NYTC). ISSN 0362-4331. Consultado o 17 de setembro de 2012. 
  5. Hartz, Paula (2009). Zoroastrianism (en inglés). Infobase Publishing. pp. p.102. ISBN 1438117809. 
  6. Palsetia, Jesse S. (2001). The Parsis of India: preservation of identity in Bombai city (en inglés). Brill. p. 162. ISBN 9004121145. 

Zoroastrismo

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne