En bioloxía molecular as caveolinas son unha familia de proteínas integrais de membrana que son o principal compoñente das membranas das caveolas (pequenas invaxinacións na membrana plasmática) e interveñen na endocitose independente de receptor.[1][2][3] As caveolinas poden actuar como proteínas de armazón dentro das membranas caveolares ao compartimentalizar e concentrar moléculas de sinalización. Tamén inducen unha curvatura positva (cara a dentro) da membrana por medio da súa oligomerización e inserción de forquitas. Varias clases de moléculas de sinalización, como as subunidades da proteína G, tirosina quinases receptoras e non receptoras, óxido nítrico sintase endotelial (eNOS) e pequenas GTPases, únense á caveolina 1 por medio do seu 'dominio de armazón de caveolina'.
A familia do xene da caveolina consta de tres membros en vertebrados: CAV1, CAV2 e CAV3, que codifican as proteínas caveolina 1, caveolina 2 e caveolina 3, respectivamente. Todas elas son proteinas de membrana con estrutura similar. A caveolina forma oligómeros e asóciase co colesterol e esfingolípidos en certas áreas da membrana plasmática, o que orixina a formación de caveolas.
- ↑ Tang Z, Scherer PE, Okamoto T, Song K, Chu C, Kohtz DS, Nishimoto I, Lodish HF, Lisanti MP (January 1996). "Molecular cloning of caveolin-3, a novel member of the caveolin gene family expressed predominantly in muscle". J. Biol. Chem. 271 (4): 2255–61. PMID 8567687. doi:10.1074/jbc.271.4.2255.
- ↑ Scherer PE, Okamoto T, Chun M, Nishimoto I, Lodish HF, Lisanti MP (January 1996). "Identification, sequence, and expression of caveolin-2 defines a caveolin gene family". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 93 (1): 131–5. PMC 40192. PMID 8552590. doi:10.1073/pnas.93.1.131.
- ↑ Williams TM, Lisanti MP (2004). "The caveolin proteins". Genome Biol. 5 (3): 214. PMC 395759. PMID 15003112. doi:10.1186/gb-2004-5-3-214.