Labirintulomicetos | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Célula cunha rede de filamentos de Aplanochytrium sp. | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Labyrinthulids |
Os labirintulomicetos (Labyrinthulomycetes segundo o ICBN, e Labyrinthulea[1] segundo o ICZN), son un grupo de protistas con categoría de clase que se caracterizan por producir unha rede de filamentos ou tubos,[2] que lles serven como vías de reptación para que escorreguen por elas as súas células e absorben nutrientes para elas e fíxanos ao substrato. Existen dous grandes grupos: labirintúlidos e traustoquítridos (Thraustochytriales). Son principalmente mariños, frecuentemente parasitos de algas e vexetación mariña (anxiospermas como as posidonias e outras) ou como descompoñedores de materia vexetal morta. Uns poucos son parasitos de invertebrados mariños.
Os filamentos ectoplásmicos que segregan, aínda que se proxectan fóra da célula, están rodeados pola membrana celular e saen da célula por entre os espazos que hai entre unha especie de escamas que cobren a célula. Fórmanse e conéctanse ao citoplasma por un orgánulo exclusivo chamado saxenóxeno, saxenoxenetosoma [3], saxenetosoma [4] ou botrosoma. As células son uninucleadas e tipicamente ovoides, e móvense dun lado para outro sobre a rede amorfa de filamentos a velocidades que van de 5 a 150 μm por minuto. Nos labirintúlidos as células escorregan dentro da rede de filamentos que os envolve totalmente, e nas colonias de traustoquítridos están a un lado e os filamentos parecen "raíces".