A primase é un encima implicado na replicación do ADN, que orixina os cebadores ou primers necesarios para replicar o ADN. A primase é un tipo de ARN polimerase, xa que polimeriza ARN formando un curto segmento que funciona como cebador para que actúen as ADN polimerases. Os cebadores de ARN son eliminados despois pola actividade exonuclease 5'-3' dunha ADN polimerase, e despois o ARN do cebador é substituído por ADN.
A actividade case universal da primase é que catalice a síntese de curtos fragmentos de ARN, que son complementarios dun tramo de ADN de cadea simple, pero en certos microorganismos, como na arquea Pyrococcus furiosus, a primase Pfup41 sintetiza fragmentos de ADN bastante longos sen necesidade de cebador (única ADN pol coñecida que o pode facer).[1]. En Escherichia coli, a ADN primase (DnaG) é un monómero. En eucariotas, a actividade de primase realízaa o complexo da ADN polimerase α-primase (Pol α-pri) na súa subunidade p48.[1]
A primase ten unha importancia fundamental na replicación do ADN porque, agás a polimerase de Pyrococcus mencionada, ningunha outra ADN polimerase coñecida pode iniciar a síntese de ADN partindo de cero (é dicir, non poden colocar o primeiro nucleótido dunha cadea e unilo ao segundo, iniciando unha cadea), e só poden engadir nucleótidos a unha cadea xa formada. A primase si pode formar os cebadores desde o primeiro nucleótido, polo que proporciona un fragmento de ácido nucleico xa formado cun extremo 3'-OH libre ao que despois as ADN polimerases poden engadir máis nucleótidos.