Tlatoani ou Tlahtoāni[1] (náhuatl clásico: tlahtoāni; "gobernante, soberano"), plural tlahtohqueh,[2] é un título empregado historicamente polos soberanos dinásticos dos āltepēmeh[3] ou cidades-estado náhuatl do val de México, nos tempos anteriores á conquista. O título de huēyi tlahtoāni ou "gran soberano" foi empregado polos señores da Tripla Alianza Azteca.[4]
Cada altepetl tiña o seu propio tlatoani, que exercía a un tempo as funcións de gobernante, sumo sacerdote e xefe militar. O tlatoani tiña autoridade sobre a terra dos seus dominios, recadaba tributos, controlaba o mercado, xestionaba a actividade dos templos e resolvía disputas legais. Ao ser un título hereditario, adoitaban exercer o seu cargo de por vida. Porén, nalgúns āltepēmeh existía un consello de anciáns nobres que elixían ao tlatoani dunha lista de candidatos.[5]