Morsa Odobenus rosmarus | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Individuo da subespecie tipo fotografado no Canadá | |||||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||
DD: Datos insuficientes [1] | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Odobenus rosmarus (Linnaeus, 1758) [4] | |||||||||||||||||||||||||
Distribución da morsa.
| |||||||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||||||
|
A morsa,[5] tamén coñecida como vaca mariña ou vaca do mar,[6] Odobenus rosmanus (Linnaeus, 1758), é unha especie de mamífero carnívoro de gran tamaño da superfamilia dos pinnípedes, única representante viva do seu xénero, Odobenus Brisson, 1762, e da súa familia, Odobenidae Allen, 1880.
Habita, cunha distribución circumpolar descontinua, nas costas e augas próximas do océano Glacial Ártico e nas inmediatas subárticas do hemisferio boreal dos océanos Atlántico e Pacífico.
É unha especie facilmente recoñecíbel polos seus grandes cairos, os seus típicos bigotes e o seu gran tamaño (os individuos do Pacífico poden chegar a pesar máis de 1 700 kg) [7] e, entre os pinnípedes, son unicamente superados en dimensións polas dúas especies de elefantes mariños.[8]
Pasa case toda a súa vida na banquisa e, nas augas pouco profundas da plataforma continental oceánica, encontra a súa comida preferida, os moluscos bivalvos bentónicos.
É un animal gregario que vive moitos anos (ao redor dos 30),[9] e está considerado como unha especie clave no ecosistema mariño do Ártico.
A morsa xogou un importante papel na cultura de moitos pobos nativos árticos, que a cazaban para aproveitar a carne, a graxa, a pel, os cairos e os ósos. No século XIX e os primeiros anos do XX foi obxecto dunha intensa explotación comercial para obter graxa (blubber) [10] e o marfil dos dentes, polo que o número de exemplares diminuíu rapidamente.
Desde aquela, a poboación mundial de morsas incrementouse de novo, aínda que as subpobacións do Atlántico e do mar de Laptev (norte de Siberia) están moi fragmentadas e son moi pouco numerosas en comparación coas doutras épocas históricas.