Os amiloplastos son un tipo de plastos non pigmentados que se atopa nalgunhas células vexetais. Estes orgánulos son responsables da fabricación e almacenamento de gránulos amidón, por medio da polimerización da glicosa orixinada na fotosíntese, que chega ao orgánulo procedente dos cloroplastos das partes verdes da planta.[1] Os amiloplastos tamén hidrolizan este amidón de novo en azucre cando a planta precisa enerxía. Son moi abundantes os amiloplastos en tecidos de almacenamento como tubérculos, como é o caso da pataca, cotiledóns das sementes, endospermo de froitos, e en células dos meristemas e células da pilorriza ou caliptra da raíz asociadas co xeotropismo ou gravitropismo.
Os amiloplastos son plastos do grupo dos leucoplastos (incoloros, sen pigmentos). Os plastos son un tipo especializado de orgánulos que posúen o seu propio xenoma e pénsase que descenden de cianobacterias, que estableceron unha relación de endosimbiose cunha célula eucariota.
A síntese e almacenamento de amidón tamén ten lugar, aínda que non de forma tan masiva, nos cloroplastos, un tipo de plasto pigmentado encargado de facer a fotosíntese. Os amiloplastos e os cloroplastos están moi relacionados, xa que os plastos poden transformarse uns noutros. Un exemplo deste tipo de conversións é a dos amiloplastos do tubérculo da pataca, que se poden transformar en cloroplastos (adquiren clorofila), cando as patacas están expostas á luz. Os amiloplastos poden orixinarse tamén directamente a partir dos proplastidios por medio do depósito de amidón no seu interior, ou por rediferenciación dos cloroplastos. [2]
Os gránulos de amidón que se observan nos amiloplastos teñen forma moi variada, hainos esféricos, ovais, alongados con forma de fémur, e normalmente están formados por capas concéntricas depositadas arredor dun punto, o hilo, que pode ser céntrico (gramíneas e leguminosas) ou excéntrico (Solanum). Cando hai máis dun hilo fórmanse grans compostos (Avena, Oryza). O gran de amidón é un esferocristal que con luz polarizada mostra a figura da cruz de Malta; tínguese de azul-negro con compostos iodados.