A eritropoese[1] é o proceso de formación dos glóbulos vermellos do sangue ou eritrocitos. Forma parte da hematopoese e ocorre normalmente na medula ósea vermella. A vida dos eritrocitos é duns 120 días; cando morren son destruídos no bazo e substituídos por novos eritrocitos producidos por eritropoese, de modo que cada día entran á circulación uns 2·1010 eritrocitos novos[2]. A eritropoese é estimulada pola diminución de O2 na circulación, que se detecta nos riles, os cales entón segregan a hormona eritropoetina.[3] Esta hormona estimula a proliferación e diferenciación de precursores dos glóbulos vermellos, que activan un incremento da eritropoese nos tecidos hematopoéticos, o que finalmente dará lugar á produción de máis glóbulos vermellos.[3] Nas aves e mamíferos (incluídos os humanos) posnatais, isto normalmente ocorre na medula ósea.[3] Pero nos fetos, a eritropoese ten lugar nas células mesodérmicas do saco vitelino, e ao chegar ao cuarto mes pasa a producirse no fígado.[4] Despois do sétimo mes, a eritropoese prodúcese xa na medula ósea. O incremento da actividade física pode causar un incremento da eritropoese.[5] A medula ósea de practicamente todos os ósos produce glóbulos vermellos ata os 5 anos de idade. Á idade de 25 anos a tibia e o fémur deixan de ser sitios importantes de hematopoese, e son as vértebras, o esterno, a pelve, as costelas, e os ósos craniais os que continúan a produción de glóbulos vermellos durante o resto da vida. Porén, nos humanos que padecen certas doenzas e nalgúns animais, a eritropoese tamén ten lugar fóra da medula ósea, en órganos como o bazo ou o fígado, o que se denomina eritropoese extramedular.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Fawcett