A queimada (de queimar, que se supón que evolucionou a partir dunha forma hispánica *caimare, alteración do latín cremare)[1] é unha bebida alcohólica tradicional galega propia da súa gastronomía. Elabórase a base de augardente queimada, con azucre, grans de café e limón. Atribúenselle facultades curativas,[2][3] asemade, o seu consumo está rodeado de tradicións: mentres se elabora pronúnciase un conxuro para protexer contra meigallos e para escorrentar os espíritos e demais seres malvados de quen a bebe.