Rhodococcus | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rhodococcus sp. | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
|
Rhodococcus é un xénero de bacterias grampositivas aeróbicas, non esporulantes, non móbiles moi relacionadas coas micobacterias e as corinebacterias.[1][2] Aínda que unhas poucas especies deste xénero son patóxenas, a maioría son benignas e prosperan nunha ampla gama de ambientes, como o solo, auga, e células eucarióticas. O xenoma de representantes do xénero foi secuenciado en 2006 e ten 9,7 megapares de bases e un contido GC de 67%.[3]
As cepas de Rhodococcus teñen importantes aplicacións debido á súa capacidade de catabolizar unha ampla variedade de compostos e producir esteroides bioactivos, acrilamida, e ácido acrílico, e a súa implicación na biodesulfuración de combustibles fósiles.[3] Esta diversidade xenética e catabólica non só reside no cromosoma bacteriano grande, senón tamén en tres grandes plásmidos liñais.[1] Rhodococcus é tamén un sistema experimentalmente vantaxoso polas súas taxas de crecemento relativamente rápidas e o seu ciclo de desenvolvemento simple. Porén, Rhodococcus aínda non está ben caracterizado.[3]
Outra importante aplicación de Rhodococcus débese á súa bioconversión, utilizando sistemas biolóxicos para converter unha materia inicial barata en compostos de maior valor. Pode catabolizar polucionantes ambientais nocivos, como o tolueno, naftaleno, herbicidas, e PCBs. Os Rhodococcus metabolizan tipicamente os compostos aromáticos oxixenando primeiro o anel aromático para formar un diol (dous grupos alcohol). Despois, clívase o anel por mecanismos intra/extradiol, e o anel queda aberto e exposto a outras modificacións metabólicas. A química destas reaccións é moi estereoespecífica, polo que os dioles se crean cunha quiralidade predicible. Un exemplo do uso de Rhodococcus para producir unha molécula quiral determinada é a produción de indeno, un precursor da droga indinavir usada para tratar a SIDA, que é un inhibidor da protease, e contén dous dos cinco centros quirais necesarios para este complexo.[4]